As fábricas de curtumes constituíron unha auténtica industria nacional para Galicia tanto pola súa certa relevancia nalgúns dos períodos da historia industrial galega coma polo seu esparexemento polo territorio onde un de cada catro concellos contou co seu propio curtidoiro, presente en case que todas as comarcas do país, que fornecía o coiro preciso para facer un bo par de zocos. Este sector, logo de ser líder a nivel estatal no século XIX, colapsa na década dos anos sesenta, coa aparición do zapato mecánico, pasando de case 200 fábricas a finais dos anos cincuenta a 11 a comezos dos oitenta. A tipoloxía arquitectónica dos curtidoiros foi moi semellante á das casas tradicionais galegas ergueitas polos mesmo canteiros, albaneis e carpinteiros que empregaban en ambos casos os materiais que ofertaba o territorio, na parte occidental do país granito e tella e na parte oriental xisto e lousa, que nun e noutro caso se completaba con madeira de castiñeiro e carballo tanto para o tellado coma para o sobrado. Estes curtidoiros tiñan unha organización interna moi semellante, cinguida as principais fases do proceso de transformación dunha pel nun coiro, no que se diferenza o lavadoiro, a zona de curtir e a zona da remata. Tres son os elementos patrimoniais que singularizan a un curtidoiro, os píos de perpiaño duns dous metros cúbicos, tanto para lavar as peles coma para curtilas, o muíño de esmagar a casca turrado por cabalaría e os secadoiros de coiros, completados nalgúns casos por grandes chemineas que dotan aos edificios dunha verdadeira fasquía industrial. A industria dos curtumes non foi un sector líder da economía, emporiso en Galicia deixou un patrimonio industrial de certa importancia que nalgunhas vilas, coma a de Allariz, tiveron a sensibilidade de recuperar una parte do noso patrimonio cultural con fantásticas rehabilitacións dos vellos curtidoiros mais tamén tiveron a agudeza de ver a oportunidade de pór en marcha negocios rendíbeis para a lei do mercado entre os cachotes e os perpiaños que noutro tempo fabricaban coiros a esgalla. Xa que logo, a ducia de casos de rehabilitación xa operados por toda a xeografía galega deberan ser un estímulo para acometer novas iniciativas, sobre todo para aquelas Administracións que aínda non tiveron nin a sensibilidade nin a perspicacia de trazar proxectos de desenvolvemento endóxeno local alicerzados no sobranceiro patrimonio industrial que a industria dos coiros nos deixou en herdanza.