Titulación: Grao en Dereito; Máster oficial en Dereito Privado; Máster oficial en Dirección e Planificación do Turismo -- Materia: Dereito de contratos; Protección dos consumidores e novas formas de contratación; Dereito privado da contratación e do consumo no sector turístico O turismo desempeña un papel cada vez máis importante na economía e, singularmente, as viaxes combinadas constitúen unha parte fundamental da actividade turística. Non cabe dúbida de que o sector dos servizos combinados se vería estimulado para alcanzar maior crecemento e produtividade adoptándose un mínimo de normas que supoñan unha serie de garantías efectivas para os consumidores e usuarios de viaxes combinadas. Dito doutro xeito, se o turismo pode ser o alicerce do progreso social e económico de calquera país, cómpre coñecer e familiarizarse con toda a normativa, a doutrina e as decisións xurisprudenciais que garanten unha axeitada protección dos consumidores e usuarios das viaxes, vacacións, circuítos combinados e do transporte aéreo. Por outra parte, coa chegada das vacacións proliferan nos medios de comunicación noticias sobre atrasos aéreos, con perdas de enlaces e de días de vacacións; extravío de equipaxes; denegacións de embarque; cancelación de voos… coas conseguintes escenas nos aeroportos dos lugares máis dispares. En efecto, os tipos de incidencia que poden ocorrer con ocasión dunha viaxe en avión son moitas e de diversa índole. Isto supuxo que, tanto no ámbito internacional, como no comunitario e interno, se adoptasen medidas tendentes a regular, por un lado, os dereitos dos pasaxeiros e, por outro, a responsabilidade dos transportistas aéreos. Partindo desas premisas, a unidade didáctica que se presenta ao alumnado como instrumento académico de traballo, ten a pretensión de afrontar as devanditas cuestións dende unha perspectiva estritamente xurídica. Así as cousas, o eixe sobre o que gravita a unidade didáctica é o estudo do contrato de viaxe combinada con todas as consecuencias que isto supón e que implica un estudo pormenorizado do Libro cuarto —arts. 150 a 165—, do Texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias —RDLex. 1/2007, de 16 novembro—, xa que logo, estúdanse, en primeiro lugar conceptos básicos da materia, o ámbito de aplicación da lexislación vixente sobre viaxes combinadas e a forma do contrato; para centrar o núcleo do estudo nos «remedios» dos que dispón o consumidor e usuario ante o incumprimento ou o defectuoso cumprimento do devandito contrato: por exemplo a resolución do contrato e a responsabilidade de organizadores e/ou retallistas das viaxes combinadas. Non pode ser ocioso lembrar que todas estas normas, relacionadas co turismo e, en xeral, coas viaxes, soen ter como denominador común a protección dos consumidores e usuarios, así acontece cunha Directiva que, dalgún xeito afecta ás viaxes, por tratar, entre outros asuntos, dos «produtos vocacionais», trátase da Directiva 2008/122/CE, de 14 xaneiro 2008, relativa á protección dos consumidores con respecto a determinados aspectos dos contratos de aproveitamento por quenda de bens de uso turístico, de adquisición de produtos de vacacións de longa duración, de revenda e de intercambio. Non obstante non se poden descoidar aspectos moi significativos e imprescindibles para un axeitado estudo das viaxes, como os que atinxen á compensación e asistencia aos pasaxeiros aéreos, nos casos de denegación de embarque (overbooking), de cancelación e de grande atraso nos voos, aspectos todos eles regulados polo Regulamento (CE) núm. 261/2004, de 11 febreiro. Asemade, non se descoida o estudo da responsabilidade dos transportistas polas continxencias que resultan da viaxe como a perda, destrución ou atraso da equipaxe, que leva consigo o estudo, tratándose de transporte nacional, da Lei de navegación aérea —Lei 48/1960, de 21 xullo— e, no caso de transporte internacional, do Convenio de Montreal — 28 maio 1999 (ratificado por Instrumento de 4 xuño 2002)—. En síntese, a unidade didáctica O contrato de viaxe combinada atinxe a un dos contratos que poden resultar máis completos, tanto dende a perspectiva do estudo do dereito de contratos como dende a perspectiva do dereito de consumo; xa que logo, o alumnado ao tempo que estuda un contrato en particular ou de viaxes combinadas, rastrexa cuestións de moi variada índole, como por exemplo e de xeito significativo, o concepto de contrato, con todas as connotacións que isto implica; a cesión do contrato; a súa resolución; o dereito de desistencia; as obrigas mancomunadas e solidarias; a responsabilidade contractual, as causas de exoneración de responsabilidade: a forza maior; cláusulas abusivas ou condicións xerais da contratación. Cómpre advertir finalmente que a unidade didáctica O contrato de viaxe combinada concentra os coñecementos básicos sobre unha lección, non só na materia de Contratos, para a titulación de Dereito —Licenciatura e, no seu caso, Grao—, e, asemade, quere achegar as liñas esenciais de dito contrato a dous másters oficiais da Universidade de Santiago de Compostela, a saber: Máster en Dereito privado —dentro da materia Protección dos consumidores e novas formas de contratación— e Máster en Dirección e planificación do turismo —na materia Dereito privado da contratación e do consumo no sector turístico—. Así, e sen prexuízo das oportunas e lóxicas adaptacións que a profesora fará para cada titulación, en atención ao perfil singular do alumnado de cada unha delas, a lección que constitúe a unidade didáctica que se presenta é común para as tres titulacións: Licenciatura, ou no seu caso Grao en Dereito; Máster en Dereito privado e Máster en Dirección e planificación do turismo Universidade de Santiago de Compostela. Servizo de Normalización Lingüística