1. Inferencia estatística
- Author
-
Crujeiras Casais, Rosa María, Universidade de Santiago de Compostela. Departamento de Estatística e Investigación Operativa, and Universidade de Santiago de Compostela. Escola Técnica Superior de Enxeñaría
- Subjects
Modelo de regresión lineal simple ,Métodos de estimación y contraste ,Grao en Enxeñaría Informática ,Contraste de hipótesis ,Investigación::12 Matemáticas::1209 Estadística::120908 Fundamentos de la inferencia estadística [Materias] ,Contraste de hipóteses ,Estimación por intervalos de confianza ,Métodos de estimación e contraste ,Regresión ,Estimador ,Estatística - Abstract
Titulación: Grao en Enxeñaría Informática -- Materia: Estatística As bases da probabilidade e a estatística, segundo a Association for Computing Machinery e a IEEE Computer Society, subxacen aos conceptos de fiabilidade, seguridade e dependencia, factores fundamentais no ámbito da Enxeñaría en xeral e da Enxeñaría Informática, en particular. Con esta premisa, as devanditas asociacións elaboraron unhas guías para o deseño dos currículos formativos nos Graos en Enxeñaría Informática, onde se establece como obxectivo fundamental que o alumnado destes títulos adquira coñecementos dos modelos de probabilidade discretos e continuos, das distribucións na mostraxe, dos métodos de estimación e contraste e do modelado a través da regresión. No currículo do Grao en Enxeñaría Informática da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Estatística é unha materia do segundo semestre do primeiro curso, pertencente ao módulo de Matemáticas xunto con Álxebra, Fundamentos de Matemáticas, Matemática Discreta (primeiro semestre) e Cálculo e Análise Numérica (segundo semestre). Todas estas son materias básicas e polo tanto de carácter xeral, nas que se debe realizar unha tarefa de nivelación dos coñecementos do alumnado, proporcionando asemade os alicerces metodolóxicos para desenvolvementos posteriores noutras áreas como a representación gráfica ou a xestión empresarial. Nesta unidade didáctica presentaranse inicialmente os obxectivos da UD III (Inferencia Estatística), detallando a continuación os contidos máis relevantes da mesma considerando á súa vez tres bloques temáticos diferenciados (introdución á Inferencia Estatística, estimación de parámetros e contraste de hipóteses). Para unha selección adecuada dos contidos a incluír na UD, debe terse presente que o obxectivo final da Inferencia Estatística é tirar conclusións sobre una poboación (conxunto homoxéneo de individuos sobre os que se estudan características observables). Estas conclusións sobre o comportamento da poboación poden referirse a aspectos paramétricos, a comportamentos globais da distribución ou a comparativas con outras poboacións ou entre grupos dentro da mesma. Así, as técnicas da Inferencia Estatística poderían clasificarse en dous tipos, atendendo ao seu obxectivo final, se ben ambos os dous están estreitamente relacionados: a estimación de parámetros, de maneira puntual ou mediante intervalos, e o contraste de hipóteses. Abordar estes problemas dende un enfoque xeral presenta unha gran dificultade matemática, que excedería os coñecementos do alumnado de primeiro curso, polo que os contidos desta UD restrinxiranse, nun primeiro termo, a poboacións normais e ao estudo de proporcións. Malia a imposibilidade dun tratamento amplo do problema da estimación de parámetros, incluiranse algunhas breves mencións ás metodoloxías xerais de estimación, rematando esta UD con algunhas nocións sobre contrastes non paramétricos. Os contidos desta UD atópanse distribuídos en tres bloques temáticos, consecutivos no tempo, dado que cada un deles senta as bases do seguinte. As gráficas presentadas foron elaboradas co software estatístico R. No Anexo, inclúese unha breve presentación da libraría rpanel, en concreto, da utilidade rpcartoons que permite realizar algunhas ilustracións gráficas relacionadas cos contidos desta UD. Universidade de Santiago de Compostela. Servizo de Normalización Lingüística
- Published
- 2013